Lanzamos Bundt

Creando e manexando modelos conceptuais do patrimonio cultural.

Vimos de lanzar Bundt. Bundt é un conxunto de ferramentas software para crear, manter, procesar e visualizar modelos conceptuais do patrimonio cultural. Bundt baséase en ConML (www.conml.org), a linguaxe de modelado conceptual que propoñemos desde o Incipit para traballar en humanidades e ciencias sociais, e que contempla de xeito especial aspectos tan importantes para estas disciplinas como a subxectividade, a temporalidade ou a vaguedade. Ata agora, podiamos usar ConML “a man”, é dicir, debuxando diagramas manualmente nun papel, un encerado ou una pantalla. Pero, desde agora, podemos expresar estes modelos usando Bundt para facelos máis manexables, poder visualizalos, analizalos e procesalos, e compartilos cos demais.

Por exemplo, o Modelo Abstracto de Referencia do Patrimonio Cultural (CHARM, www.charminfo.org) está dispoñible en formato Bundt, ademais de poderse ver na web correspondente. Descargando o arquivo Bundt, podemos visualizar este modelo en pantalla, explorar os conceptos, propiedades e relacións que o constitúen, ou estendelo para crear os nosos propios modelos a partir del. Tamén podemos incorporar estas funcionalidades nos nosos propios desenvolvementos de software se nos interesa.

Bundt inclúe unha aplicación para Windows, que permite traballar con modelos de xeito interactivo en pantalla, así como unha serie de librerías que calquera desenvolvedor de software pode incorporar nos seus propios proxectos para integrar as capacidades de Bundt no seus traballo. Dependendo dos teus intereses, recomendámosche que utilices unha cousa ou outra.

Bundt é libre e gratuíto, no sentido que calquera pode descargalo e utilizalo para calquera fin, incluíndo os comerciais. O único que é necesario é mencionar aos autores orixinais. Bundt é un resultado de investigación e, como tal, serve e servirá como banco de probas para as tecnoloxías de modelado que xurdan do Incipit. Deste xeito, esperemos que evolucione rapidamente. Dito isto, pretendemos que Bundt sexa bastante estable, e só se incorporarán cambios que rompan a compatibilidade con versións anteriores cando sexa estritamente necesario, e nunca de xeito habitual.

De xeito experimental, versións preliminares de Bundt xa foron utilizadas en diferentes proxectos do Incipit, como MARIOL ou KaleidoScapes, con excelentes resultados.

A nosa visión é que Bundt, e ConML por atrás, se convertan en tecnoloxías de soporte para calquera proxecto que necesite traballar con información sobre o patrimonio. Se che interesa probalo, e pensas que che pode ser de axuda, non dubides en contactarnos.