Programa de estancias

O Incipit mantén un activo programa de estancias de investigación, que cada ano recibe a moitas persoas de diversos países e áreas disciplinares. As persoas que realizan unha estancia no Incipit son invitadas, é dicir, levan a cabo certos traballos de investigación no Incipit durante un período preestablecido, pero no son membros do Incipit nin reciben unha contraprestación salarial por parte deste.

As estancias están indicadas tanto para persoal que traballe e se forme en investigación como para aquelas persoas que busquen consolidar a súa experiencia e formación para o exercicio profesional.

Beneficios de facer unha estancia no Incipit

Facer unha estancia no Incipit permitirache traballar xunto a moitos especialistas en patrimonio cultural no seo de proxectos existentes, e compartir as túas experiencias con nós á vez que aprendes novas perspectivas, técnicas e formas de traballo.

Ademais, poderás participar nos numerosos eventos que teñen lugar no Incipit, como charlas de investigación, seminarios, grupos de traballo, ou a Rede Incipit. Como norma xeral, o Incipit achega axuda, infraestruturas básicas e supervisión durante o tempo da estancia.

Proceso para realizar unha estancia

Calquera persoa pode, en principio, realizar unha estancia no Incipit, desde estudantes de grao ata investigadores e investigadoras sénior. Para isto, debes atopar un membro do Incipit que te supervise, e realizar unha solicitude formal. Se é aceptada, deberás viaxar a Santiago de Compostela, buscar un aloxamento, e vir traballar ao Incipit durante o tempo da túa estancia segundo o plan de traballo acordado co teu supervisor ou supervisora.

Os pasos son os seguintes:

  1. Atopa a unha persoa no Incipit que poida supervisarte. É recomendable que esta persoa traballe nun tema que che interese, e que o teu plan de traballo teña puntos en común coa súa investigación. Podes recorrer ao directorio de persoal para explorar as liñas de traballo que leva a cabo cada persoa. Tamén podes escribir ás persoas apropiadas para comprobar se lles interesa recibir unha estancia e concretar o plan de traballo con elas.
  2. Realiza unha solicitude. Contacta con Elena Cabrejas en elena.cabrejas@incipit.csic.es e solicita comezar o proceso de solicitude. Cubre e devolve os documentos que che envíen, e agarda a que se resolva a túa solicitude.
  3. Organiza a túa viaxe a Santiago de Compostela. O desprazamiento, aloxamento e manutención durante a túa estancia corren da túa conta, aínda que suxerimos que busques financiamento externo. O Incipit pode respaldar esta busca mediante cartas de apoio ou outros medios. Se necesitas axuda ou recomendacións para atopar aloxamento, pregunta á persoa que teñas escollido como supervisora.
  4. Concreta co teu supervisor ou supervisora a data e hora de incorporación. Se necesitas axuda para atopar a sede do Incipit, pregunta á persoa encargada da túa supervisión ou consulta a páxina de contacto.
  5. A persoa encargada da túa supervisión, ou outra persoa en quen delegue, amosarache o teu posto de traballo e darache as indicacións necesarias para desempeñar as túas tarefas mentres dure a túa estancia. Desde este momento, poderás acceder a todas as instalacións do Incipit, e participar en todos os eventos e actividades que se leven a cabo.
  6. Ao final da túa estancia, pediráseche un breve informe valorativo e terás que organizar co teu supervisor ou supervisora calquera asunto que quede pendente ou que necesite de futura colaboración.

+ Info

Se necesitas máis información ou realizar unha consulta sobre estancias, escribe a Elena Cabrejas en elena.cabrejas@incipit.csic.es.