Logo Incipit

Investigación

De acordo co noso Plan Estratéxico 2010-2013, a liña de investigación que recolle todos os esforzos do Incipit (anteriormente Laboratorio de Patrimonio) denomínase Investigación Interdisciplinar en Patrimonio Cultural. Pode descargar unha copia do noso Plan Estratéxico 2010-2013 desde aquí.

Esta liña componse das subliñas de investigación que de seguido se describen.

Arqueoloxía da Paisaxe e Paisaxes Culturais

O obxectivo desta subliña é "estudar os procesos da construción humana da paisaxe, examinando as súas relacións coas dinámicas económicas, sociais e culturais, e caracterizando a súa evolución a través da prehistoria e a historia. Desde unha perspectiva máis xeral, esta subliña tenta descubrir o concepto de espazo, e secundariamente de tempo e natureza, os que guían as accións espaciais do ser humano e serven de base á materialización do ser social en termos espaciais".

 

Cultura Material e Procesos de Formalización do Patrimonio Cultural

O obxectivo desta subliña é "o estudo da cultura material a través do rexistro arqueolóxico, enlazando as súas transformacións cos procesos socioculturais presentes en contextos ibéricos e europeos. Tentamos determinar como os patróns de regularidade e cambios estilísticos se vinculan a procesos de cambio sociocultural e a estratexias de cambio da identidade social en comunidades pasadas e presentes".

Investigación Teórica e Historiográfica sobre Estudos de Patrimonio Cultural

O obxectivo desta subliña é "determinar as circunstancias que constitúen o campo de operación destas disciplinas, o que é fundamental para poder desenvolver indagacións teóricas acerca das súas posibilidades e validez como ferramentas para a xestión da realidade social e produción de valor, especificamente, dentro dunha parte desta realidade constituída polo patrimonio cultural".

 

Arqueoloxía da Arquitectura

O obxectivo desta subliña é "comprender os edificios desde unha perspectiva integral que combina puntos de vista históricos, arquitectónicos, arqueolóxicos, antropolóxicos e mais artísticos, e que permite descubrir o seu significado como produto social. Para conseguir isto, a arqueoloxía da arquitectura céntrase na identificación dos diferentes procesos construtivos e destrutivos que teñen modificado cada edificio, obtendo así a secuencia construtiva da estrutura arquitectónica final que podemos contemplar hoxe".

Procesos de Patrimonialización: Memoria, Identidades e Conflito

O obxectivo desta subliña é "estudar os procesos de formación do patrimonio no presente e no pasado. En particular, a subliña céntrase na relación entre o patrimonio cultural, a memoria e mais a identidade, para responder ás seguintes preguntas: ¿Cales son os mecanismos polos que as sociedades producen o seu patrimonio cultural? ¿Cal é o papel dos diferentes axentes sociais implicados nestes procesos? ¿Cal é o papel do patrimonio cultural en tempos de crise?"

 

Tecnoloxías Semánticas para Patrimonio Cultural

O obxectivo desta subliña é "crear, seleccionar, desenvolver, analizar, validar, demostrar e espallar as tecnoloxías necesarias para a construción de significado arredor da información que se xenera e manexa durante os traballos de investigación e xestión do patrimonio cultural, particularmente os que se leven a cabo dentro desta liña de investigación".

Socioeconomía do Patrimonio Cultural

O obxectivo desta subliña é "integrar un conxunto de enfoques diferentes cara ao patrimonio cultural desde disciplinas que non están vinculadas coa interpretación e a xestión de elementos patrimoniais. Isto inclúe a investigación sociolóxica, antropolóxica, económica e política acerca do patrimonio cultural. O obxecto do estudo é o patrimonio cultural en si propio como realidade social, nas súas diferentes dimensións e nun contexto marcado pola sociedade posindustrial e a transición cara a unha socioeconomía baseada no coñecemento".

   

Copyright © 2009-2017 Incipit; fotografías copyright © 2007-2009 Miguel Bidarte, Camila Gianotti, César González-Pérez · Webmaster