Exposición

DIVERSA: Arqueoloxía dende o Incipit alén Europa

2015. Galego

Asinan
Pastor Fábrega-Álvarez (organizador)
Felipe Criado-Boado (autor de contidos)
David Barreiro (autor de contidos)
César Parcero-Oubiña (autor de contidos)
A. César González-García (autor de contidos)
Alfredo González-Ruibal (autor de contidos)
Cecilia Dal Zovo (autora de contidos)
Resumo
A diversidade cultural é un reto para a investigación, tanto como para a convivencia. O mellor coñecemento do que é diferente incrementa a nosa comprensión da realidade.

As imaxes desta exposición son portas para descubrir a diversidade no tempo, no espazo, no saber... mesmo na forma de abordar a investigación.

Estas portas lévannos á montaña sagrada de Ikh Bogd Uul (Mongolia), ás paisaxes agrarias do Deserto de Atacama (Chile), ás orixes da monumentalidade nas Terras Baixas do Cono Sur Americano (Uruguai), ás sociedades da Idade do Ferro do Estuario do Muni (Guinea Ecuatorial), ás minorías étnicas da fronteira etiope-sudanesa, a Costa Rica, Perú, Xordania e máis Turquía. Lévannos a estudos de arqueoastronomía realizados para descubrir como as sociedades antigas se serviron de eventos astronómicos para, con base na infalibilidade dos mesmos, construír a súa concepción do mundo e organizar a súa paisaxe e a súa temporalidade. Lévannos mesmo a análises comparativas de procesos de participación das comunidades locais e do público na construción de patrimonio e na investigación científica (tal é o caso do proxecto TRAMA3).

As imaxes proceden de proxectos de investigación arqueolóxica e etnoarqueolóxica realizados polo Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC, en zonas tan remotas para nós como próximas para os seus habitantes. O Incipit ten a súa sede en Santiago de Compostela, pero, levado por un ideario de exploración da diversidade para comprender mellor a realidade social, non só investiga sobre o seu ámbito inmediato.

A motivación destes traballos no ten nada que ver coas antigas arqueoloxía ou antropoloxía colonialistas europeas, que saían ao exterior para preparar mellor o proceso de dominación das sociedades non occidentais, e así nutrir o proceso europeo de crecemento e desenvolvemento a costa delas. Ao contrario, situados na experiencia dunha sociedade cada vez más multicultural, a exposición é produto da obriga dos investigadores e investigadoras para saír fóra da nosa contorna habitual e revisar os nosos temas e problemas de estudo desde unha perspectiva externa. A finalidade de analizar outras sociedades, e de dialogar con membros e especialistas formados noutras tradicións culturais, é descubrir como somos vistos e vistas por eles, e aprender sobre os nosos temas de estudo, o noso propio entorno e sobre nós mesmos, desde a distancia.

Quixemos abrir estas portas á diversidade utilizando imaxes que, ante todo, mostran o punto de vista do especialista cando confronta realidades distintas. Somos conscientes de que utilizamos distintas fórmulas para referirnos á cronoloxía (por exemplo, ?anos antes do presente? ou ?BP? ?Before Present-), e de que situamos as zonas de estudo en vistas parciais do globo terráqueo, forzámoste, observador ou observadora, a facer un esforzo mental para situar as datas nunha historia plural, e para localizar as imaxes nun espazo global. Esta aparente desorientación forma parte da experiencia da diversidade.
Palabras chave
Fotografía. Arqueoloxía. Diversidade. Mostra.