Resumo
A ourivería é unha das manifestacións máis salientables da cultura dos castros do Noroeste. A abundancia de recursos auríferos e a mistura de correntes atlánticas e mediterráneas contribúen a explicar una produción ourive de alta calidade, da que hoxe coñecemos máis de duascentas pezas conservadas nos nosos museos (torques, arracadas, brazaletes, diademas-cinturón, etc.).A aparente ausencia de contextos, a dificultade de acceso ós materiais e o predominio dos enfoques tipolóxicos condicionaron durante décadas a investigación desta ourivería. Porén, dende comezos do novo milenio veñen xurdindo novos enfoques metodolóxicos e interpretativos. Estas novas achegas priorizan o estudo tecnolóxico e arqueométrico, procuran nova información contextual e cronolóxica e tentan comprender este fenómeno no contexto social das comunidades da Idade do Ferro e dos primeiros tempos da presenza romana.Dende o ano 2010 o Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC vén liderando proxectos de investigación financiados en convocatorias públicas competitivas orientados ó estudo da metalurxia protohistórica da Europa atlántica. A investigación sobre a ourivería dos castros constitúe unha parte moi salientable destes proxectos. O obxectivo do presente encontro é facer un balance divulgativo do traballo realizado ata o presente, con especial énfase nun dos conxuntos máis salientables da ourivería castrexa: o Tesouro de Recouso.
Palabras chave
Ourivería. Cultura material. Castros. Idade do Ferro. Arqueometalurxia. Arqueometría.