Resumo
O seminario ofrece un primeiro achegamento á disciplina da antropoloxía audiovisual, pondo a énfase no valor etnolóxico, relacional e conectivo das imaxes por riba de consideracións de carácter estético. Na primeira parte, vanse presentar debates teóricos sobre a significación, uso e apropiacións sociais da imaxe, así como sobre a súa autonomía e obxectividade relativa para transmitir coñecemento antropolóxico. Na segunda parte, forneceranse ferramentas para observar, describir e analizar a vida social a través de medios audiovisuais, facendo fincapé no potencial metodolóxico de introducir cámaras de foto ou vídeo na investigación etnográfica. Finalmente, na terceira parte, imos facer un breve percorrido pola historia do cine documental, mostrando as achegas de distintos autores e correntes cinematográficas que a través do tempo foron problematizando as formas de captura e codificación da “realidade” social (en sintonía con transformacións máis amplas da antropoloxía).