Resumo
Misión Ciencia é unha actividade didáctica e cooperativa baseada no xogo de rol, deseñada para achegar ao alumnado ao funcionamento real da investigación científica. A través da simulación de proxectos patrimoniais, a actividade permite comprender a ciencia como un proceso interdisciplinar, no que diferentes perfís profesionais colaboran para investigar e interpretar as sociedades do pasado. Ademais, pretende visibilizar o papel das mulleres na ciencia, amosar a diversidade de saídas profesionais no ámbito científico e fomentar vocacións científicas de maneira activa e participativa, ao tempo que desenvolve o pensamento crítico ao detectar o elemento alleo ao contexto histórico traballado.A actividade iníciase coa organización da aula en cinco proxectos de investigación diferentes, cada un vinculado a un contexto patrimonial concreto. Para isto, cada estudante recibe unha carta cun rol profesional específico (como arqueoloxía, historia, antropoloxía, xeofísica, entre outros), na que se explica brevemente a súa función dentro dunha investigación e se inclúe unha pista sobre o proxecto ao que pertence.A partir desta información, o alumnado debe desprazarse pola aula, comunicarse cos seus compañeiros e compañeiras e cooperar para identificar as persoas que forman parte do mesmo equipo de investigación, poñendo en práctica habilidades de comunicación, dedución e traballo colaborativo. Unha vez formados os grupos, cada equipo recibe unha carta de proxecto na que se describe o tema de investigación e o contexto xeral do estudo.Posteriormente, os grupos dispoñen dun tempo para preparar unha presentación conxunta na que deben explicar en que consiste o seu proxecto, cales son os obxectivos da investigación, que métodos se empregan e cal é a achega específica de cada disciplina ao estudo. Finalmente, os equipos expoñen o seu traballo ao resto da aula e realízase unha reflexión colectiva sobre a importancia da colaboración entre diferentes especialidades, a diversidade de perfís profesionais na ciencia e o valor do traballo en equipo na construción do coñecemento.
Palabras chave
Misión Ciencia. Xogo de rol. Investigación científica. Proxectos patrimoniais. Educacion. ESO. Bacharelato.