Desde o 2005, durante o último venres do mes de setembro, en preto de 400 cidades europeas ten lugar a "European Researcher's Night" (ERN), evento de divulgación científica que pretende conectar a ciencia coa sociedade para fortalecer a comprensión e o aprecio pola investigación e a innovación. Cómpre sinalar que, desde o 2020, a Organización de Estados Iberoamericanos para la Educación, Ciencia y Cultura (OEI), sumouse a esta iniciativa europea, celebrando en máis de doce países de América Latina a "Noche Iberoamericana de l@s investigador@s". A "European Researchers’ Night" está promovida pola Comisión Europea dentro das accións Marie Skłodowska-Curie do programa Horizonte Europa. En España, son oito os proxectos financiados pola Comisión para os anos 2022 e 2023 (podes consultalos en lanochedelosinvestigadores.es, aos que se suman outros dous proxectos asociados, un deles é a "Noite Galega das persoas investigadoras" (G-Night).A G-Night 2023, gnight.gal, foi o resultado da colaboración entre varios organismos de investigación galegos: a Universidade de Vigo (coordinadora do proxecto), a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de A Coruña, CESGA, Xunta-GAIN, IEGPS-CSIC, IEO-CSIC, INIBIC, CITMAga, Real Academia Galega de Ciencias, e, este ano, o INCIPIT, unidos baixo o lema “Conciencias Creativas”. Desenvolveuse cos recursos propios destes centros e co apoio da Xunta de Galicia.As investigadoras e investigadores das entidades que integran o consorcio, xunto co persoal técnico, saíron á rúa para achegar o seu traballo á cidadanía de xeito lúdico, ofrecendo nas sete principais cidades de Galicia máis de medio cento de actividades: experimentos, obradoiros, rutas, visitas guiadas, representacións teatrais e de danza, etc. En concreto, o INCIPIT estivo presente na noite, con varias actividades en Vigo e Santiago de Compostela, coordinadas internamente pola Unidade de Valoración (UVa): Expo-feira científica de Redeiras en VigoComprendendo as mentes materiais. Modifica o mundo construído o noso cerebro?, dentro do proxecto XSCAPE Mentes Materiais. Nesta exhibición, María Silva e Jaime Almansa amosaron, a través de tecnoloxías de seguimento visual e lecturas de signos fisiolóxicos e ondas cerebrais, a súa investigación para entender o xeito no que as sociedades construíron o mundo e o impacto que isto tivo e ten no noso cerebro. Ademais de explicar algúns conceptos clave sobre o funcionamento dos sentidos, Jaime e María reproduciron un set-up experimental para amosar o funcionamento das tecnoloxías de seguimento visual e o seu potencial para entender mellor o noso cerebro.
Claustro do Colexio de Fonseca (Santiago de Compostela)Palcos con historia(s), Fátima Porto, coa axuda de Pablo Gutierrez e Alvaro Moreno, presentou no Colexio de Fonseca o proxecto de investigación PALCOS: Cultura material e festa na paisaxe rururbana galega, que busca localizar, catalogar e documentar os palcos da música construídos en Galicia a partir da década dos 70, así como recoller as historias, memorias e relatos que circulan ao redor deles. Durante a actividade, amosouse a ferramenta de mapeamento dixital do proxecto para convidar ao público a colaborar na procura e identificación de palcos polo territorio galego.
A vida cotiá na época romana a través dos sentidos, nesta actividade interactiva, Leticia Tobalina retou ao público a adiviñar o contido dunha serie de caixas pechadas, mediante os sentidos do tacto, oído e olfacto. Os obxectos ou materiais agochados nelas, pertencentes á época romana, eran réplicas dos que aparecen habitualmente nas escavacións arqueolóxicas. A través de todos deles, explicou múltiples aspectos da vida cotiá romana.
Tarde de portas abertas no INCIPITRealizouse unha visita ao centro guiada por Carlos Otero, na que, mediante un sistema rotatorio de 3 grupos dunhas 8 ou 9 persoas (adultos e neno/as), percorréronse durante 2 horas os laboratorios, o planetario e o laboratorio do XSCAPE, con explicacións de Laura Muñoz, Xosé Lois Armada, Andrea Rodríguez , Elena Lima e Alba Fernández. A actividade inicialmente prevista para 1.30 h de duración alongouse en máis de media hora, dado o interese e as preguntas do público.

En canto á valoración final do evento, desde un punto de vista cualitativo, podemos recorrer a elementos como expresións de interese e a retroalimentación do público, que en todas as actividades foron moi positivas, establecéndose abondosas interaccións, diálogos e preguntas. En canto a cifras de participación, calcúlase que, polo Claustro de Fonseca, pasaron medio milleiro de persoas, e por Redeiras (Vigo), unhas 700 persoas, na súa maioría familias, entre as 17:00 e as 21:00 horas do venres. En canto á xornada de portas abertas, desde a UVa, tiñamos especial interese en facer esta actividade posto que se trataba da primeira xornada de portas abertas dirixida a público xeral desde que o INCIPIT chegou ao Fontán. Xurdía, por un lado, a curiosidade pola acollida desta actividade afastada do resto das propostas da noite, e, por outro, a dúbida de se a xente coñecía ou tiña gañas de coñecer o INCIPIT. Consideramos que o resultado foi óptimo, cubríronse as 25 prazas ofertadas e quedaron varias persoas en lista de agarda, polo que é imperativo repetir a actividade durante a Semana da Ciencia.Polo tanto, en xeral, cumpríronse os obxectivos previstos, xa que puidemos chegar a unha grande cantidade de público para amosar as investigacións do INCIPIT, sen esquecernos das actividades dirixidas a pequenos grupos, que xeran un contacto máis intenso coa xente, e, polo tanto, unha mellor calidade divulgativa. Moitísimas grazas a todas as persoas participantes. Para a vindeira edición, máis e mellor!