A vida nos parques de Compostela

Diario da actividade de ciencia cidadá que celebramos o 25 de abril

O sábado 25 de abril, despois dun adiamento de mes e medio, tivo lugar unha actividade chamada “Observando a vida nos parques de Compostela”, promovida polo Consello da Cultura Galega, organizada pola Unidade de Cultura Científica (UCC) da Delegación do CSIC en Galicia, e deseñada e conducida pola Unidade de Valorización (UVa) do Incipit (David Barreiro, Elena Cabrejas e Rocío Varela), contando coa colaboración de Yolanda Porto, tamén do Incipit.

Como ás 10 da mañá aínda facía fresco, as dezaoito participantes sentaron no cacho de escaleiras da Praza da QUintana no que xa daba o sol, e, tras a presentación da actividade por parte de Patricia Quintas (da UCC), pasamos a explicar algunhas cuestións relativas ao obxectivo da actividade. Insistimos en que non se trataba dunha visita guiada, nin un roteiro, senón dun experimento de ciencia cidadá, consistente en facer observación participante... daquela maneira: porque se trataba de participar contemplando a vida en xeral, incluíndo a non humana, que tamén existe nos parques.

As ideas centrais que tentábamos transmitir tiñan que ver, en primeiro lugar, coa sensibilidade que atinxe aos conceptos de espazo e tempo. Nestes tempos de movemento e mudanza constante, o espazo é cada vez máis un espazo de tránsito, no que non reparamos cando estamos nel, ou un mero escenario no que suceden as cousas, ou unha imaxe para ser consumida. Mais os parques son espazos onde poder estar e permanecer sen a obriga de consumir nada. Queríamos que a xente sentise a potencia de fundirse coa contorna e identificarse co lugar, captar o genius loci. A aceleración da vida cotiá tamén debería desaparecer cando estamos nun parque. Vivimos na ansiedade constante entre o que deixamos atrás e o que nos queda por diante. Queríamos ter un pequeno marco temporal para concentrarnos no presente, no que estaba a pasar nestes intres diante de nós, e mesmo no que estaba a pasar dentro de nós. A observación era un bo xeito de acadar isto: traballar e contemplar á vez.

En segundo lugar, buscábamos experimentar con plenitude a ensamblaxe cultura-natureza: os parques urbanos son un tipo de infraestrutura que naceu no século XIX, reformulando e democratizando, até certo punto, os espazos axardinados dos que antes desfrutaban en exclusiva as clases privilexiadas. Convertiranse, dende ese momento, en enclaves naturais espacialmente acotados, inmersos e pensados dentro da propia concepción urbanística das cidades. Supoñen a incorporación da natureza a un espazo eminentemente urbano. É unha forma de domesticar a natureza, de integrala coa cultura. Porén, nesta forma domesticada e culturizada segue a haber unha grande biodiversidade, que non sempre se debe directamente á acción humana. Esta actividade dábanos a oportunidade de apreciar mellor que non hai unha fronteira nítida entre natureza e cultura, que a nosa contorna é unha ensamblaxe de ambas cousas (que nos inclúe), e que nesa ensamblaxe hai moitos compoñentes que teñen vidas e duracións moi distintas, que van mudando no tempo dando lugar a diferentes paisaxes.

Como terceiro eixo vertebrador, buscábamos comprender a paisaxe como memoria: a paisaxe amósanos a súa propia historia, e esta engarza coa historia da cidade e do mundo. Cada parque no que fixemos a observación ten a súa biografía: algúns teñen maior espesor histórico, outros son máis recentes. Algúns fixéronse pouco a pouco, con deseños que foron cambiando, mentres outros son parques de autor/a, cun deseño único. Algúns parten de espazos produtivos previamente abandonados, e outros foron concibidos como espazos de lecer desde o inicio. A través da observación detida da materialidade dos parques, dos materiais inertes e vivos que os compoñen, e da vida que se desenvolve neles, pretendíamos tentar coñecer a memoria da nosa cidade e das mudanzas sociais no tempo.

As persoas inscritas repartíronse en catro grupos, cada un dirixido a un parque diferente, conducidos por cadanseu responsable. Cada persoa contaba cun precioso caderno de campo ilustrado, no que poder tomar notas no formato que considerase oportuno (escrita, gráfica), e tamén podían gravar sons e imaxes cos seus dispositivos móbeis, coas debidas precaucións no que atinxe á protección de datos persoais.

Na Alameda, no grupo levado por Yolanda Porto, participaron cinco persoas que se situaron en distintas zonas: entrada dende o Campo da Estrela ata a igrexa do Pilar (Patricia), onde se produce o maior movemento de persoas, xuntándose as que van de paseo ao parque coas que transitan cara outras zonas da cidade; no paseo dos Leóns, no miradoiro do eucalipto centenario (Ainhoa), lugar escollido para observar unha vista panorámica da cidade coa catedral como foco central; no paseo da Ferradura, xunto ao monumento a Rosalía de Castro (Pilar e Eusebi), no punto no que a Alameda conecta co Campus a través da escalinata monumental; e na carballeira de Santa Susana (Carmen), no entorno da igrexa situada no alto do outeiro. Os participantes observan que o paseo de entrada e o tramo norte do Paseo da Ferradura son os mais transitados, hai unha gran afluencia de persoas e son tamén as zonas mais ruidosas. Reparan tamén na posibilidade de apreciar mais elementos na vista panorámica, aparte da catedral, dedicando tempo á observación. Dende o tramo central ata a parte final do Paseo da Ferradura a afluencia de xente e moito menor, son zonas mais tranquilas, que pareceran conxeladas no tempo, podería ser unha estampa doutra época de non ser cos corredores que conectan a imaxe co mundo contemporáneo. A zona superior do parque, no entorno da Carballeira, é o espazo onde se pode conectar con maior facilidade coa natureza pola densidade do arborado e a maior facilidade para escoitar e ver os paxaros.

En Belvís, David Barreiro contou coa participación de seis persoas, que foron distribuídas ao longo do parque, desde o muro que linda coa Praza do Matadoiro (Paula) até o canil que se atopa ao final da valgada (Gema), pasando pola explanada entre as hortas e o campo de fútbol (Esther e Héctor), o centro de interpretación (Elena) e o labirinto de camelias (Aarón). Cada unha delas observou cousas distintas: a xente que entra no parque polo norte, seguindo unha ruta predeterminada; os pais e nais do partido de fútbol; o minipartido a carón do centro de interpretación; a xente que entra e sae (con dificultade) do labirinto; as esculturas que concentran a atención na parte meridional do parque; os cantos de paxaros que atopan no parque espazos distintos, máis mestos ou máis despexados. Pero tamén hai conexións claras entre as diferentes áreas: a xente que entra por un lado adoita saír polo outro; moitas persoas con cans, con destino final no canil, ou simplemente nalgunha das zonas de prado intermedias; máis movemento nas zonas do norte, máis abertas e soleadas a estas horas, pero a vida que flúe polo parque como a auga do rego Cancelón, aínda que apenas perceptible, ou como o ar, que mecía as follas dos bidueiros...

En Bonaval, o grupo guiado por Elena Cabrejas estaba constituído por cinco persoas: un punto de observación (Mercedes) na terraza baixa do parque ou antigo xardín e horta dos frades, con accesos dende o CGAC e cara a escultura de Chillida; outras dúas persoas (Carlos e Luisa) na parte alta do parque, na entrada que comunica a umbría carballeira co conxunto de castiñeiros de indias que dan paso ao prado, dominando tamén a terraza inferior; e un último punto (Pilar e Paz) na aberta pradeira sobre o cemiterio, visualizando tamén a escultura de Nóvoa e as panorámicas da cidade. A observación permitiulles reflexionar sobre o uso e distribución dos espazos e as sensacións positivas e negativas que provoca. Coincidiron en consideralo un espazo infrautilizado, se ben tranquilo, con moi bo paisaxismo e que invita á reflexión, a fotografar as arquitecturas e a pararse a escoitar os sons dos paxaros, da auga e das contornas próximas. Tamén en que a propia configuración topográfica, de accesibilidade e a ausencia de mobiliario para sentarse dificulta a presenza de persoas maiores. Tampouco hai nenos, por carecer de elementos cos que interactuar. Pero si moitos cans de gran tamaño, case todos ceibos pese ao cartel que o prohibe; os propietarios/as tampouco son moi cívicos ao deixar as bolsiñas das cacas agrupadas xunto a árbores e sobre muretes, non sendo a ausencia de papeleiras no parque escusa para tal comportamento, pois en xeral mantense limpo; de feito, as observadoras consideraron unha boa decisión esta ausencia, para que cada quen se responsabilice dos seus desperdicios. Tamén percibiron que o parque debería integrarse nalgún roteiro, xa que algunha persoa entraba mirando o móbil e levantando a vista puntualmente como buscando elementos periféricos. A escultura de Nóvoa é moi transitada pero úsase como asento. E en xeral, salvo ocasións, os usuarios do parque apenas interactúan entre eles.

Ao parque de Vista Alegre achegouse Rocío Varela con tres persoas. Tamén é coñecido como a “Finca Simeón”, pois antes de abrirse ao público, era a residencia familiar dos Simeón, os cales fixeron fortuna co comercio téxtil e a banca privada ao longo do século XX. Da parcela privada consérvase o muro perimetral, a vivenda (no centro da finca) e elementos propios do xardín privado (como esculturas, bancos, balaustradas ou un cruceiro). A vexetación tamén é herdeira deses tempos: as camelias e as palmeiras sitúanse próximas á residencia; máis afastadas, as froiteiras; e máis aló, as árbores de maior porte. Este foi o punto de observación elixido por Gloria, que reportou sobre todo unha experiencia sensorial, desfrutando da calor da raiola, da tranquilidade e do arrecendo das flores. Preto da vivenda, rehabilitada como aloxamento para profesores universitarios estranxeiros (Casa Europa), ergueuse posteriormente o Centro de Estudos Avanzados da USC; de camiño ao linde norte, a Escola de Altos Estudos Musicais; no linde oeste, a sede da SGAE; e a carón da entrada leste, o Museo de Historia Natural Luis Iglesias. Matilde apostouse na zona oeste do parque, onde un traballador comía o seu bocadillo de media mañá, mentres soaban de fondo os violíns da escola de música. Non lle atraía o edificio da SGAE, no que tampouco viu actividade algunha. Pola contra, Isabel, que observaba na contorna do museo, fala das familias que se achegaran a el, dos corredores que atravesaron o parque, e da xente que, como a maioría, coñecen e usan este espazo sen deterse a ver, ulir ou escoitar.

Con esta actividade queríamos obter, en primeiro lugar, unha información que sería imposible acadar individualmente. Grazas ás persoas que participaron na actividade, que actuaron como mediadoras entre o que sucedeu e quen escoita a nosa narración, obtivemos un relato do que sucedía en diversos puntos da cidade simultaneamente. Na posta en común, na que cada aportación sumou á nosa comprensión colectiva do que sucedeu nese tempo de observación, comprobamos como os espazos son vividos de maneira similar e diferente a un tempo, que determinados tipos de persoas se relacionan con certo tipo de espazos, que acontecementos triviais ou importantes tiveron lugar a esas horas nos nosos parques... A interpretación deses datos en clave antropolóxica, sociolóxica, histórica e mesmo biolóxica (porque observamos a interacción entre seres vivos, non só humanos) é o que nos indica que a ciencia é un traballo colectivo e colaborativo, no que a conxunción das partes é máis que a súa simple suma. E nos permite tamén analizar que na concepción destas infraestruturas que son os parques urbanos, debería buscarse máis alá da creación paisaxística e arquitectónica, con máis ou menos espesor histórico, para incorporar na súa configuración as necesidades e experiencias sensoriais, condutuais e funcionais dos seus potenciais usuarios/as e doutros seres vivos, ás que poderemos achegarnos a través da observación.

A nosa intención agora é que as persoas participantes nos envíen as súas notas e arquivos, para poder procesalas e, quen sabe, poder aínda extraer máis información da actividade desenvolvida, contando coa colaboración de todas.