Summary
O proxecto de investigación ten como obxecto de estudo a metalurxia do Bronce Final e da Idade do Ferro da Europa atlántica e a súa lectura social, estruturándose en torno a tres grandes obxectivos estreitamente interconectados: 1) contribuír ó coñecemento da circulación do metal; 2) estudar os procesos de innovación e interacción tecnolóxica; e 3) completar a recompilación, sistematización e reavaliación crítica da información analítica existente, facendo dispoñibles os resultados nunha plataforma tecnolóxica de acceso aberto. En dita plataforma pretendemos integrar a información analítica deste proxecto e dos dous anteriores dirixidos polo IP, así como datos dispersos de proxectos antigos (legacy data) que serán dixitalizados e revalorizados.A nosa análise da circulación e consumo do metal trascende a mera identificación decoincidencias nas sinaturas isotópicas e inclúe aspectos como as escalas de produción e amortización, mediante unha estratexia a longo prazo de estudo integrado e comparativo dos fenómenos de deposición en diversas áreas xeográficas. O proxecto pretende avanzar nesta dirección coa revisión en profundidade de varios conxuntos. Ó mesmo tempo, consideramos que a circulación do metal e a interacción ó longo da Europa atlántica proporciona un contexto propicio para a innovación e a transmisión de coñecemento tecnolóxico, que no ámbito cronoxeográfico que nos ocupa maniféstase con particular claridade nos artefactos de prestixio. A través do seu estudo o proxecto proponse tamén avanzar do coñecemento dalgunhas das principais innovacións tecnolóxicas que –nalgúns casos de maneira insospeitada ata datas moi recentes- se documentan na Europa atlántica ó longo de algo máis dun milenio: a fundición a cera perdida, o latón, o uso de recheos intencionais en pezas de ourivería ou as técnicas de dourado.
Keywords
Arqueometría. Bronce Final. Idade do Ferro. Depósitos. Metalurxia. Ourivería. Tecnoloxía. Museos. Patrimonio Cultural. Sistemas de Información.