Conference

O castro de Rueta (Cervo, Lugo): Arqueoloxía de mínima invasión

2026. Galician

Summary
O castro de Rueta (Cervo, Lugo) atópase nun promontorio costeiro fronte ao Mar Cantábrico. O xacemento destaca pola monumentalidade do seu sistema defensivo e o seu aparente bo estado de conservación. Ocupa un lugar sobranceiro na memoria da súa contorna, pois ten vencellados relatos lendarios que o singularizan como un referente na paisaxe. O poboado nunca fora investigado con metodoloxía científica, aínda que se podía presumir unha ocupación entre a Idade do Ferro e a etapa romana, semellante a outros castros costeiros das comarcas da Mariña. Co propósito de analizar as súas potencialidades arqueolóxicas e patrimoniais, un equipo coordinado dende o Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT-CSIC) realizou un estudo integral do castro de Rueta en 2022. Para iso, empregáronse métodos arqueolóxicos de mínima invasión. Tras unha ampla roza da vexetación, realizáronse labores de teledetección con sensores aerotransportados, prospeccións pedestres e estudos xeofísicos con magnetómetro e xeorradar. Os resultados destes traballos son prometedores. A análise dos datos xerados permítenos comprender polo miúdo a morfoloxía do enclave e a súa ocupación antiga, constituíndo bases para soster futuras escavacións e accións de valorización. O proxecto foi concibido tamén como unha oportunidade para reforzar o coñecemento da comunidade local deste enclave patrimonial. Con tal propósito, levouse a cabo un amplo programa de socialización das investigacións, incluíndo visitas ao sitio, presentacións, actividades con escolares e divulgación a través de medios de comunicación. Este póster repasa os resultados do proxecto, o cal foi posible grazas ao apoio da Asociación Sociocultural Mariña Patrimonio, a Deputación de Lugo e o Concello de Cervo.
Keywords
Idade do Ferro. Paisaxes fortificadas. Patrimonio costero. Teledetección. Prospección arqueolóxica.