Summary
O colectivo Romanarmy.eu constituíuse hai cinco anos co obxectivo de artellar novas metodoloxías e narrativas para o estudo da expansión do estado romano no noroeste peninsular (Galicia, Asturias, occidente de León e Zamora e norte de Portugal). Facendo uso de técnicas e recursos propios da era dixital (fotografía aérea e por satélite, LiDAR aéreo, drons, sistemas de información xeográfica etc.) e cunha estrutura de traballo horizontal e democrática, fomos capaces de identificar e catalogar ducias de novos sitios arqueolóxicos que poden relacionarse coa presenza militar romana nestes territorios.Nunha segunda fase do noso traballo, prospectamos e escavamos varios destes asentamentos coa intención de entender mellor os ritmos da conquista e calibrar a resposta das comunidades indíxenas á chegada de Roma. A abundante información arqueolóxica obtida permite agora facer balance da experiencia, reflexionar sobre as nosas preguntas de investigación e sentar as bases de futuros traballos.O noso colectivo condensa as distintas traxectorias profesionais e científicas dos seus integrantes, confluíndo na preocupación pola necesaria socialización do noso patrimonio arqueolóxico e cultural. Por este motivo, apostamos por unha linguaxe narrativa e visual innovadora, procurando ir máis aló do achegamento da nosa investigación ao gran público e intentando facelo partícipe desta.