O CSIC ven de publicar a convocatoria do proceso selectivo Empleo Joven 2026, orientado a persoal técnico superior que queira traballar no organismo científico máis potente que hai en España. Lánzanse así 176 contratos formativos de 1 ano de duración, espallados por toda o territorio do Estado. O INCIPIT-CSIC vai acoller tres destes contratos, vencellados á nosa crecente infraestrutura científico-técnica e ás necesidades de incrementar a nosa visibilidade institucional. Para as persoas candidatas, será unha oportunidade inmellorable de coñecernos polo miúdo e de achegarse ao sistema científico galego e estatal, poñendo en práctica os seus coñecementos e gañando experiencia de cara ao seu futuro laboral.No INCIPIT albergaremos un contrato destinado a técnicos/as superiores de Laboratorio de Análise e de Control de Calidade, para traballar nunha das infraestruturas mellor dotadas e máis potentes do instituto, o Laboratorio de Arqueometría Patrimonial, en labores de asistencia, de preparación e análise de mostras e materiais, e mesmo en formación e asesoría a persoas usuarias. Nesta infraestrutura, que integra no seu seno distintos laboratorios, traballan actualmente persoas científicas e técnicas de distintas ramas da arqueoloxía e o paleoambiente.
Outro contrato está destinado a técnicos/as superiores en Iluminación, Captación e Tratamento de Imaxe, e estará vencellado a unha das nosas infraestruturas máis innovadoras e creativas, o Laboratorio de Creación Etnográfica Xeito, no que conflúen a investigación antropolóxica e a creación artística, así como ao noso Servizo de Medios Audiovisuais, traballando en captación e tratamento de imaxes de foto e vídeo, en produción de contidos e en xestión de arquivos e metadatos.O terceiro contrato está destinado a técnicos/as superiores en Desenvolvemento de Aplicacións Web, e esta persoa traballará na ampliación e mantemento das nosas páxinas web e outros sistemas de información corporativos, no deseño e implementación de bases de datos e na formación de persoas usuarias.
Para cubrir estes postos hai que ter menos de 30 anos, ter obtido a titulación nos últimos 3 anos (5 no caso de discapacidade) e non ter desfrutado dun contrato en prácticas previo pola mesma titulación. Pero, sobre todo, o fundamental é que as persoas solicitantes veñan con ganas de traballar nun equipo humano no que non só poderán desenvolver o que aprenderon na súa formación e medrar profesionalmente, senón que van poder integrarse nunha dinámica de traballo na que tentamos manter un alto estándar de calidade científica e promover o benestar físico e emocional tanto das persoas traballadoras como das persoas coas que traballamos.A convocatoria está xa aberta, e finaliza o vindeiro 6 de febreiro. Tedes máis información aquí.Se queredes directamente presentar a solicitude, podedes ir aquí, asinalo e presentalo por rexistro electrónico, dirixido á Presidencia do CSIC.