Iniciamos a tempada de Colloquium Incipit xa entrado o outono, e pasados Santos e o San Martiño, algunhas das nosas celebracións máis ligadas á gastronomía, coa conferencia "Novas perspectivas sobre a sociedade, a alimentación e a historia das mulleres en Galicia". Por tanto, nesta época que abre a porta á invernía, na que os corpos teñen que ir acumulando calorías para os meses por vir, imos falar dunha cuestión tan esencial como a alimentación na historia de Galicia, e do rol exercido nela polas mulleres, da man dun experto no tema, o catedrático da Universidade de Santiago de Compostela Xavier Castro Pérez.A sinopse da conferencia anticípanos unha orientación esclarecedora e nada convencional: “A historiografía recente ofrece unha interpretación renovada sobre o pasado de Galicia, no que se subliña o relevante papel desempeñado polas mulleres. Tamén se revisa a tópica visión de que predominou o atraso, o subdesenvolvemento, a emigración e a pobreza. En realidade, Galicia tivo sempre un gran volume de poboación que reflicte a existencia dun vello sistema agrario eficiente, no que a propiedade da terra estivo moi repartida. Unha certa democratización da propiedade rústica que, co policultivo de subsistencia, propiciou un grao de alimentación non inferior ao do resto da península”.Xavier Castro, ademais de profesor, é membro da comisión científica da Fundación Dieta Atlántica e da rede de investigadores europeos especializados en historia da alimentación (Institut européen d'histoire et des cultures de l'alimentation), así como autor de publicacións senlleiras sobre a historia social da alimentación en Galicia, a gastronomía e, especialmente, o viño, un produto fundamental na dieta e na vida cotiá tradicional. Os últimos libros de Xavier son Cociñeiras con talento. Mulleres e gastronomía en Galicia (Transforma) e Ben mantidos. Historia cultural da gastronomía galega (Galaxia).