A fins de 2018, a Dir. Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Educación e Cultura da Xunta de Galicia, pediu ó Incipit estudar a cronoloxía dos socalcos da Ribeira Sacra para reforzar a candidatura desta zona de Galicia á lista de Patrimonio da Humanidade. O Incipit ten unha longa experiencia en estudos de arqueoloxía agraria e en particular de paisaxes aterrazados. Foi unha liña desenvolvida por Paula Ballesteros na súa tese doutoral (http://hdl.handle.net/10261/226968 ).Para desenvolver este estudo, coordinámonos co proxecto de investigación dos Conventos que estaba a realizar Xurxo Ayán, no Val do Frade (en Vilachá, Pobra de Brollón, Lugo). Decidimos traballar na contorna de socalcos dese sitio mentres o seu equipo traballaba o sitio. Sabiamos que con este efecto sinérgico poderiamos xerar unha mellor síntese histórica. Os datos están dispoñibles na web https://adegasdamemoria.com/é/ , incluíndo unha serie de vídeos que os presentan de forma atractiva.Os estudos previos realizados noutras zonas de Galicia levábannos a supor que a paisaxe de terrazas da Ribeira Sacra podía terse construído entre o século VII e o X dne. As sondaxes arqueolóxicas e as dataciones mostraron que as primeiras terrazas agrarias (socalcos ou pataos) son coetáneas á construción do sitio dos Conventos, no século X. Estes resultados confirman que a paisaxe cultural da Ribeira Sacra ten entre 1050 ou 1100 anos de historia, e coinciden coa referencia cronolóxica máis antiga para o cultivo do viño na zona, que sitúan este no 876 d.C. nun documento de doazón de viñas ao mosteiro ourensán de Santa Cristina. Os datos coinciden ben coa punta de construción de igrexas no s. X recentemente identificada por JC. Sánchez-Parto e Rebeca Blanco-Rotea (DOI: 10.1484/J.HAM.5.115940 ).Os nosos resultados tamén confirman que esa paisaxe se reconstruíu e intensificou en certos momentos, situando en pleno século XIII o primeiro momento de intensificación como parte da reorganización da Ribeira Sacra pola orde do Cister. Esta penetra na zona con forza na segunda metade do s. XII (mosteiros de Ferreira de Pantón, Espadañedo e Montederramo). O Cister fixo unha reordenación total da paisaxe anterior de pequenos mosteiros familiares e comunitarios. Fronte a eles, levanta unha paisaxe dominada polas relacións feudais de produción e dependencia que a arquitectura aterrazada a escala global de todo o territorio, petrifica e consolida, atando á xente ao terruño e facéndoa entón susceptible de ser controlada e explotada.Pretendemos seguir os traballos. Reforzaremos os estudos das 110 mostras obtidas con técnicas paleoambientales e arqueométricas que nos permitirán precisar se as terrazas foron feitas desde o seu inicio para o cultivo da vide. Queremos estender este traballo a outras zonas da Ribeira Sacra. E gustaríanos sobre todo cuantificar o esforzo que supuxo a construción desta forma de paisaxe na zona, canta xente e canto tempo traballou para construir esta paisaxe? Só iso daranos a auténtica medida dos procesos sociais implicados. Se sumamos a construción de igrexas, mosteiros e castelos, aflora unha sociedade feudad que á súa potencia agraria engadía unha potencia inxente de mobilización e explotación do campesinado.A presentación destas noticias removeu os fráxiles cimentos da visión que vencella os socalcos e o viño da Ribeira Sacra ós romans. Un xornal titulou que remataba eiqui o mito da orixe romana do viñedo na zona. En realidade isto é máis complicado. Nada acaba nunca cos mitos, nin sequera cando son, como este, construcións afeccionadas, románticas e tardías, protagonizadas por unha minoría, que funcionan socialmente e defenden intereses particulares. A xente fai ben en crer o que quere crer. Esa visión “roman” ademais resulta inequivocamente atractiva e adquiriu certa fortaleza. Nosotrxs simplemente dicimos que o que non se pode facer é pasar un mito por historia. Iso chámase agora “fake news" ou "alt-reality", e chamouse toda a vida "manipulación". Pero sen ningún tipo de evidencia, e sen a mínima base para expolo sequera como hipótese de traballo, é temerario basear o destino dunha zona, a súa promoción e a promoción dos seus excelentes viños nun mito que, cando se vende como certo, transfórmase en mentira. Os datos que coñeciamos non permitían soster, nin sequera como conxectura, a orixe romana das terrazas. Pero os datos que coñecemos agora, mostran que as terrazas se empezaron a construír no século X da nosa era.Isto sitúanos nun dilema moi sinxelo. Como unha conxectura non demostrada sobre a orixe da Ribeira Sacra fai dous mil anos, pode ser máis importante e útil que a evidencia de que ten polo menos 1000 anos? Cantos terroirs vitivinícolas nas grandes zonas históricas de produción de viño, poden presumir de cultivar de forma ininterrompida un terruño construído hai un milenio?*Filiacions: XAV está afiliado á Universidade Nova de Lisboa (Portugal); CF ó ICArEHB da Universidade do Algarve (Portugal); e FCB, EC e PBA ó Incipit CSIC (Santiago de Compostela, Galiza, España)