De herdeiros pola forza á forza das herdeiras (2012-2024)

Colloquium-Incipit de Manuel Gago y Xurxo Ayán, jueves 29/2/2024, 19H, Museo das Peregrinacións e de Santiago

No ano 2012 unha modesta editora galega publicaba Herdeiros pola Forza. Ideoloxía, Patrimonio Cultural, Poder e Sociedade na Galicia do século XXI. Este libro xurdiu nun contexto social marcado polo movemento do 15-M, o impacto crítico da crise económica, a fragmentación do espectro político e o impulso definitivo das redes sociais como ferramenta básica para o debate na esfera pública. Aquel libro foi excepcional alomenos por dous motivos. En primeiro lugar, porque foi o primeiro en Galiza que empregou códigos QR, botou man dunha promoción audiovisual e se nutriu de textos concibidos orixinariamente para os blogues de cadanseu autor. En segundo lugar, porque se acompañou dunha orixinal xira por todo o país, a convite de asociacións e activistas que cobrían todo o espectro político da Galiza. Esta xeira participativa conlevou reflexións e debates que poderían ter nutrido unha segunda entrega do volume, algo que nunca aconteceu.

Herdeiros foi obxecto de sesudas recensións científicas e de sinopses nas redes da sociedade civil galega, que vía no libro unha sorte de chamada ao empoderamento patrimonial. Paula Vázquez Verao así o definía daquela no blogue soberino de O Colado do Vento: « Herdeir@s, publicado en febreiro de 2012, xa está a circular entre as asociacións e personaxes coidadoras do patrimonio galego co prurito que se sinte por unha obra clandestina. E abofé que é revolucionaria, pois xenera complicidades, identifica problemas que un amplo abano de xente entende como comúns, contribuíndo a crear unha rede, unha arañeira que se artella por debaixo da epiderme de parálise institucional que rodea o Patrimonio en Galicia. E, así, sentimos que Herdeir@s é un proxecto vivo, noso, un programa cívico que “une”, un alegato en favor de exercermos como pobo o deber de “merecer” o Patrimonio para legarllo ás vindeiras xeracións e, de paso, para sermos máis Nós e máis felices ».

No ano 2020 o libro foi elexido entre os tres ensaios en galego máis salientables da segunda década do que vai de século. Unha ducia de anos despois da súa publicación, os seus autores voltan xuntarse para levar a cabo unha verdadeira arqueoloxía material e virtual daquel libro clandestino que chegou a rular coma unha sorte de Ciprianillo ou libro dos tesouros entre a xente máis comprometida co patrimonio do país.

A charla estará divida en tres bloques. No primeiro, Manuel Galego (USC, Consello da Cultura Galega) encetará unha análise de Herdeiros pola Forza como obxecto cultural e dará as claves sobre a súa xénese e evolución dentro do sistema de saber-poder galego. No segundo Xurxo Ayán (NOVA de Lisboa, in2Past) avaliará o impacto do libro no eido académico e o papel xogado por este na mudanza de notabéis aspectos estruturais da disciplina arqueolóxica e da xestión do patrimonio. Finalmente, no terceiro bloque os autores tentarán abrir ao público aquel interrogante co que remataba a súa recensión Felipe Criado (director do INCIPIT) na revista Trabajos de Prehistoria: « Solo le falta a la obra mostrar que esa agenda de prioridades transciende la arqueología y el patrimonio para equipararse con los objetivos urgentes de una ciencia pública en construcción ».

Pedimos COLABORACIÓN aos lector+s para percorrer a metaarqueología do libro: enviádenos fotos do voso exemplar no seu hábitat actual (estantes, mesita de noite, calzando unha cama, etc). Podedes envialas aquí: rrss@incipit.csic.es. Grazas!