Nos primeiros meses deste ano 2026, a Unidade de Valorización (UVa) do INCIPIT iniciou unha frutífera colaboración co CEIP Plurilingüe San Clemente de Cesar, un colexio rural do concello de Caldas de Reis. O alumnado de 5º e 6º de primaria desta escola estaba a traballar arredor da comprensión do Tesouro de Caldas e o seu achado, a raíz da celebración do 85 aniversario do seu descubrimento. O Tesouro de Caldas I ou Depósito das Silgadas é a acumulación de ouro máis cuantiosa da Idade de Bronce europea e consta de pezas únicas na súa tipoloxía. Tiñan ademais como obxectivo, a creación dun podcast na radio escolar “Radio Clementina”, coa finalidade de presentárense á II edición dos premios de radio escolar José Hermida de Radio Pontevedra Cadena SER, uns premios cada vez máis disputados entre os colexios da provincia. Así pois, pediron asesoramento ao INCIPIT para que os rapaces e rapazas tiveran unha idea o máis acertada posible das características deste singular depósito, do seu contexto histórico, da tecnoloxía empregada e do relato do propio achado contado de primeira man polo seu protagonista Amalio Touceda, nunha gravación inédita que viu a luz recentemente.A primeira achega do persoal do INCIPIT ao colexio foi o pasado 10 de febreiro, co gallo do 11F, Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, ocasión na que se desprazaron as arqueólogas Yolanda Seoane, María Gómez Faro e Elena Cabrejas. Durante a xornada, traballouse co alumnado de 5º e 6º nun obradoiro mixto onde se combinaron diferentes propostas didácticas. Por unha banda, realizáronse presentacións gráficas e moi visuais para achegar o contexto da Prehistoria recente; por outra, desenvolveuse unha actividade de “Arqueoloxía dos sentidos”, na que o alumnado puido identificar, mediante o tacto, o olfacto e o oído, distintos elementos que formarían parte da vida cotiá nese período.
En terceiro lugar, realizouse unha mostra e manipulación de artefactos pétreos, cerámicos, sobre hasta e óso e, así como elementos metálicos, incluíndo ourivería. Finalmente nesta xornada, realizouse un primeiro acercamento á súa radio escolar, onde as tres arqueólogas foron entrevistadas polas rapazas da escola. A conversa foi posteriormente compartida nas redes sociais do proxecto escolar.Días despois, fomos convidadas a participar na gravación do podcast que habían de presentar ao concurso, atendendo a un guión elaborado dende a escola, creado polo alumnado de sexto de primaria do curso 2025-26 en base á información que desde o INCPIT lles aportamos previamente. É así como xorde “Clementina Jones na procura do tesouro perdido” un podcast de Radio Clementina de 10 minutos de duración, segundo a normativa do concurso, onde o alumnado nos conta a historia completa do achado do Tesouro no nadal do ano 1940. A narración pon voz ás distintas personaxes seguindo o relato verídico do achado, aínda que introducindo ao inicio e final certas notas de ficción e incluso de evocación a outros sucesos, vistos en clave de intriga e incluso humor, conseguindo manter a atención e o interese en todo momento. Unha desas voces é a de Elena Cabrejas, membro da UVa do INCIPIT- CSIC, e natural ademais de Caldas de Reis, interpretando precisamente a unha arqueóloga e aportando aínda maior realismo á historia.O pasado 8 de maio o xurado fallou os premios. Foron presentados un total de 115 podcast ao certame, e comprácenos enormemente contar que este traballo foi galardoado co 2° Premio da II edición dos Premios de radio escolar José Hermida de Radio Pontevedra Cadena SER. Sen dúbida, todo un éxito!
Podedes escoitar o podcast no seguinte enlace.