Abril é o mes máis cruel, dicía o poeta, pero o certo é que, coa chegada da primavera, a natureza estoupa en cores, os mil tons de verde espállanse polo noso territorio e nós, o INCIPIT, lanzámonos a participar en moitas e variadas actividades de divulgación e traballo con escolares. Elas e eles son o futuro, e a nosa labor é descubrir con eles as raíces do mesmo, a memoria colectiva nas súas múltiples formas, especialmente na relación entre sociedade e entorno.Así que no Incipit levamos unhas semanas intensas de traballo con nenas e nenos, con flores e raíces. Algúns viñeron canda nós, nunha intensa semana na que recibimos a alumnado do programa STEMBach da Xunta de Galicia, e do Programa Científic@s en Prácticas do CSIC, en ambos casos, procedentes do IES Xelmírez II, ben preto de nós. Unha visita que renderá froitos moi pronto, en forma de experiencias únicas de traballo intenso e situado.
Porque, se hai que ir aos sitios, vaise. En Babia (León) levamos a cabo un obradoiro de botánica onde as rapazas e rapaces traballaron no rexistro e identificación de distintas especies. Un pouquiño antes, e aquí, en Galicia, María Martín realizou un obradoiro de arqueobotánica co CEIP de San Martiño, en Pontevedra. Ademais, o vindeiro 25 de abril (sábado), de 10 a 14, se o tempo acompaña, algunhas estaremos polos parques de Compostela, observando a vida, nunha actividade que tivéramos que adiar por mor do frío. Moita natureza por estudar e por vivir.E, falando de flores e raíces, chegamos ao traballo coa memoria, á árbore humana que nutre toda a nosa existencia, e a materia prima da transmisión cultural e o diálogo interxeracional. No marco do proxecto Cultur-Monts, algunhas persoas (Yolanda Seoane, Marta Crespo, Cristina Incio e Rubén Vuelta) desprazáronse a Babia para traballar a carón dos e das escolares de Colexio Rural Agregado, no deseño dunha preciosa ruta paisaxística e patrimonial no entorno de Huergas de Babia. Nesta actividade, todo o mundo aprende de todo mundo: os pequenas, dos seus maiores, da memoria e a historia da vila; os maiores, dos pequenos, dos seus plans para poñer en valor o futuro; nós, da ilusión de todos eles por facer un bo traballo; e eles, da nosa guía e orientación.
Ademais, aínda co recordo da nosa última visita a Cangas, este mes de abril faremos dous obradoiros máis no marco do proxecto Mulleres-Raíz, en Meiro (Bueu) e en Moaña, nos que traballaremos recuperando vellas cancións vencelladas aos oficios ou á mesma vida, cancións que emocionan cando xermolan os recordos, música que nos fai sentir parte dunha mesma historia, dun tronco común.
Tirando para atrás desta historia, no CEE López Navalón, as rapazas e rapaces desfrutaron moito no obradoiro de patrimonio e metalurxia que levaron Cristina Sánchez, Anxo Rodríguez, Elena Cabrejas e máis Yolanda Seoane, dentro dos Días Europeos da Artesanía. Un obradoiro seguro para comprender a importancia do traballo cos metais no deseño das ferramentas que veñen transformando a nosa vida desde a Prehistoria.
E, botando a mirada aínda máis atrás, non esquezamos que Alba Soliño e Yolanda Seoane andiveron por Vigo hai unhas semanas, precisamente para dar un paseo cos nosos antepasados (facendo un obradoiro de evolución humana dentro do Proxecto Faro da Escola), man a man coas nenas e nenos da Aula Hospitalaria do Álvaro Cunqueiro.
Porque nunca debemos esquecer que, sen esas raíces que son os nosos antergos e antergas, sexan próximos ou lonxanos, non estaríamos aquí, nin habería futuro que sementar. Sen pasado non hai vida.